O Ribeiro-O Carballiño

VALORACIONS

Os concellos que integran este xeodestino son: A Arnoia, Amoeiro, Avión, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Coles, Cortegada, Leiro, Maside, Melón, O Carballiño, O Irixo, Piñor, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cristovo de Cea, Toén e Vilamarín.

Situada no corazón da provincia de Ourense, O Ribeiro é terra de fértiles vales sucada por numerosos ríos como o Miño, o Arnoia ou o Avia. O Ribeiro é sinónimo de viño, e xa na Idade Media os monxes del mosteiro de San Clodio de Leiro facíano chegar á mesas señoriais de España e Portugal. De feito a D.O. Ribeiro é a máis antiga de Galicia e unha das primeiras recoñecidas en España.

E para os amantes da arte, todo un mundo por descubrir. Como a Ruta do Románico; o Parque Arqueolóxico de San Cibrao de Las, un dos castros máis grandes e espectaculares de toda Galicia; ou o mosteiro cisterciense de Oseira, considerado “o Escorial galego” pola súa magnificencia.

Ademais O Ribeiro é terra de balnearios e augas termais. Arnoia, Laias, Cortegada, Berán ou Prexigueiro son perfectos para unha relaxante escapada. E non hai que esquecer Ribadavia, famosa pola súa xudería, unha das máis importantes de España, e as súas grandes festas. No veciño O Carballiño celébrase ademais a "Festa do Polbo", na que se homenaxea un dos manxares de Galicia.

Patrimonio

Á hora de botar unha ollada ás obras deixadas polos antepasados, sen dúbida o casco histórico de Ribadavia resalta sobre todo polo seu barrio xudeu, co engadido de que a escasa distancia érguese un pequeno templo dos poucos prerrománicos que chegaron ata hoxe, San Xes de Francelos, visigótico. Pero todo iso ten unha sa competencia nun edificio illado como poucos e tan ben rehabilitado que recibiu no seu día o premio Europa Nostra: o convento de Oseira, no concello de Cea.

Na vila do Carballiño, coñecida polas augas minerais que brotan á beira do Arenteiro, construíuse a mediados do século pasado o templo da Veracruz, obra do arquitecto Antonio Palacios. Cun estilo ecléctico é unha das súas grandes obras relixiosas e a máis identificadora da vila.

A pintoresca aldea de Pazos de Arenteiro no corazón do Ribeiro constitúe unha magnífica mostra da arquitectura popular e pacega desta zona de Galicia. Unha atractiva ruta percorre a localidade partindo das proximidades da Igrexa de San Salvador a través dun carreiro sinalizado que atravesa a romántica ponte medieval do río Arenteiro, que termina nunha fervenza no Pozo dos Fumes. A vexetación autóctona de ribeira e a vide mestúranse entre a paisaxe de pedra deste vistoso núcleo.

Espazos naturais

No capítulo de tesouros naturais hai que citar, con todos os méritos, Pena Veidosa, máis de dúas mil hectáreas declaradas Lugar de Importancia Comunitaria, un espazo agreste ao nordés do mosteiro de Oseira. O monumento natural de Pena Corneira atópase entre os concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión, un gran “corno” de pedra de dez metros de alto acompañado dunha paisaxe pétrea.

Festas e gastronomía

Xeodestino festeiro. Como Galicia enteira, fai falta dicir, pero aquí con varios pesos pesados. Así, Ribadavia conta coa Exposición e Exaltación do Viño do Ribeiro, O Carballiño presume da multitudinaria Festa do Polbo, A Arnoia é un imán de xente coa Festa do Pemento e en San Cristovo de Cea non se dá un paso con motivo da Festa de Exaltación do Pan de Cea (por certo, todos fornos están sinalizados permanentemente). Na Festa da Istoria, tamén en Ribadavia e declarada de Interese Turístico Nacional, revívese todo o mundo xudeu, con bando, desfile, xadrez humano e voda incluídos. E no mundo cultural hai que volver a Ribadavia, onde ten lugar cada ano a Mostra Internacional de Teatro.

Resulta difícil atopar a alguén que non coñeza o topónimo que identifica o xeodestino, algo que se debe sen dúbida ao seu viño do Ribeiro, con Denominación de Orixe e con moi boa fama desde fai máis de catro séculos. O río Avia é aquí a arteria na que se organiza unha parte do territorio, rodeado por montañas agrestes. E á beira do Avia e nas saias das montañas que o delimitan é onde está a maior parte das viñas.

Mención destacada neste xeodestino merece o polbo do Carballiño que deu orixe á celebración dunha das festas gastronómicas máis multitudinarias e características de Galicia: a Festa do Polbo. Celébrase cada segundo domingo de agosto no Parque Municipal da vila e goza do privilexio de ser considerada desde 2022 Festa de Interese Turístico Internacional.

Vista general naturaleza
sponsors