Vía da Prata ou Camiño Mozárabe

VALORACIONS

Prolonga a calzada romana denominada Vía da Prata que unía Emerita Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga). A vía trazouse a comezos do cristianismo aproveitando camiños máis antigos. Entra en Galicia pola Mezquita e é o camiño xacobeo galego de maior percorrido. O termo “Vía da Prata” non ten que ver coa explotación ou co comercio deste metal precioso, senón que procede do árabe Bal’latta, que é a palabra coa que os musulmáns designaron aquela ampla vía pública empedrada e de sólido trazado pola que se encamiñaban ao norte cristián. Con todo, esta vía si se chegou a empregar para o comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla.

Por esta ruta avanzou Almanzor coa súa infantería contra Santiago en agosto de 997. E por ela, ao parecer, regresaron séculos máis tarde, de Córdoba a Compostela, as campás da Catedral que el levou naquela ocasión, devoltas tras a conquista de Córdoba en 1236. Tamén desde Portugal varios camiños penetraron historicamente na provincia de Ourense uníndose logo aos que aquí describimos.

Na segunda metade do século XIII, despois da toma de Sevilla e de Córdoba aos árabes, este itinerario comeza a ser utilizado polos peregrinos de Andalucía e Estremadura. Uns seguían ata Astorga, e enlazaban aquí co Camiño Francés. Outros tomaban a desviación de Puebla de Sanabria-A Gudiña e desde aquí, ben por Laza ou ben a través de Verín, ata Ourense e Santiago. E unha terceira posibilidade levaba os peregrinos polo nordés de Portugal cara a Verín.

Entre os peregrinos máis famosos que seguiron a Vía da Prata destacan don Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, que foi a Santiago en cumprimento dunha promesa, e santo Toribio de Mongrovejo, licenciado en Canons pola Universidade de Santiago en 1568, futuro arcebispo de Lima e canonizado en 1726.

Vía da Prata percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción —a provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla— que lle ofrece ao camiñante unha chea de atractivos.

Finalmente, desde Portugal, foron varios os camiños do interior cara a Santiago que penetraban na provincia de Ourense, como o que desde Chaves chega a Verín a través de Feces de Abaixo.

TODA A INFORMACIÓN

LOCALIZACIÓN

ACCESIBILIDADE Inaccesible

MULTIMEDIA

COMENTARIOS

* Os comentarios realizados sen iniciar sesión estarán pendentes de aprobación antes da publicación

Vista general naturaleza
sponsors