Os concellos que forman este xeodestino son: A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Pena Trevinca, con 2.127 m, é o teito de Galicia. Una Galicia branca que parece tocar o ceo.
No Concello do Bolo, o maxestoso santuario barroco das Ermidas mira ao ceo desde unha profunda gorxa do río Bibei, xa que foi construído para ser contemplado desde o alto.
Os montes de Pena Trevinca son un espazo natural protexido. Os seus cumios están coroados por lagos glaciares como Ocelo ou a Lagoa da Serpe, de augas purísimas e cristalinas. Hai tamén magníficas rutas de sendeirismo, turismo fluvial no encoro da Veiga e unha xoia oculta, o Teixadal de Casaio, un dos maiores bosques de teixos de Europa.
Pero se estas terras son ben coñecidas é sobre todo polo seu viño, caldos que buscan o seu propio mercado apoiándose nunha Denominación de Orixe propia, Valdeorras.
Patrimonio
No relativo ás representacións arquitectónicas hai que salientar dúas torres: a do Castro (nos arredores do Barco de Valdeorras, con espléndida vista sobre a vila e o río) e a do Bolo.
A parroquia de Xagoaza no Barco de Valdeorras posúe o mellor exemplo de románico valdeorrés no seu mosteiro e igrexa do século XII, que pertenceu á Orde de San Xoán de Xerusalén. Claro que existen obras anteriores, como a magnífica ponte da Cigarrosa, na Rúa, que une este concello co de Petín e formaba parte da Vía XVIII do Itinerario de Antonino.
O viaxeiro que se achegue a este xeodestino non pode deixar de visitar o santuario das Ermidas, no Bolo, encaixado no canón do río Bibei, nunha paraxe de conto.
A Veiga ofrécenos a súa Rede de Museos etnográficos e no Bolo podemos ver o Centro de interpretación Torre-castelo do Bolo.
Espazos naturais
Desde o punto de vista natural o xeodestino esconde varias sorpresas interesantes. Unha delas é o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, que limita con León, un tesouro de máis de tres mil hectáreas. E curioso: ten unhas excelentes colonias de morcegos que aínda agochan moitos segredos. Outra desas sorpresas é o Macizo Central (para ser xustos, unha parte del), onde se encontran os concellos do Bolo, Larouco e Petín.
Certo é que todo iso pode palidecer ante outro espazo declarado Rede Natura: o xa citado Pena Trevinca, paraíso de montañeiros e incluso escaladores. O pico que lle presta o nome está a 2.127 metros sobre o nivel do mar, o que o converte no de maior altitude de Galicia. Está rodeado de belos vales de orixe glaciar. Esta comarca valdeorresa é exportadora de lousa e caracteriza a paisaxe como se pode ver no lugar da Medua en Carballeda de Valdeorras.
Festas e gastronomía
Terra de interior, a súa principal festa gastronómica e declarada de interese turístico é a Festa do Botelo no Barco de Valdeorras, que desde hai décadas honra este embutido típico desta comarca.
Como é de esperar, a gastronomía é tradicional e a típica da montaña. O mel está presente en toda Galicia, pero aquí ten fama pola súa calidade. Xeodestino este, por outra banda, que presume de boa castaña. Tanto o Mel de Galicia como a Castaña de Galicia son produtos con Indicación Xeográfica Protexida.