Ribeira Sacra

VALORACIONS

O xeodestino Ribeira Sacra abrangue os concellos de A Peroxa, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Manzaneda, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Parada de Sil, San Xoán de Río y Xunqueira de Espadanedo.

Facendo de Ourense e Lugo un único reino, as augas do Sil e do Miño corren a se atopar creando un contorno divino, a Ribeira Sacra. Un lugar tocado polo ceo. Paraxes impoñentes como os canóns do Sil, que son navegables, e paisaxes que albergan unha das maiores concentracións de Europa de igrexas e mosteiros medievais. Algúns tan impresionantes como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, construído nunha ladeira e arrodeado de frondosos bosques. Ou o de Montederramo, de dimensións colosais. Ou, escavado na roca, San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia.

E a vide. Por que nestas terras, fértiles e cun microclima propicio, os mosteiros crearon unha cultura do viño que hoxe está máis viva que nunca baixo a D.O. Ribeira Sacra. Falamos de viñedos en abas tan inclinadas que o seu cultivo require un esforzo heroico. Así nace o lendario Amandi, un tinto que durante séculos se elaboraba en exclusiva para o Papa.

Patrimonio

Na Ribeira Sacra a auga constituíu o primeiro camiño. Á beira dos ríos que sucan os vales establécense fronteiras naturais para organizar o espazo. A orografía da zona invita ao recollemento, á reflexión e ao descubrimento dun mesmo. Quizais foi por isto que as ordes monacais atoparon nesta zona o seu acubillo e á beira delas xurdiu unha nova vida nas ribeiras do Miño e do Sil.

Desde a Alta Idade Media ata o tempo da Desamortización os conventos xogaron nesta parte de Galicia un papel de especial importancia. Tamén agora son importantes os cenobios e a cultura que ao redor deles se xerou porque lle imprimiron a esta terra unha aura única no mundo e porque chegaron ata os nosos días como testemuño do pasado na cultura do presente.

A Ribeira Sacra contén nas súas paisaxes un magnífico compendio de restos de épocas diversas. Os poboadores da prehistoria deixaron tras deles túmulos e castros que chegaron ata nós como paisaxes da vida doutro tempo. Exemplos admirables son as mámoas das Cabanas en Nogueira de Ramuín. Pero tamén a presenza romana nestas terras foi decisiva á hora de proporcionarlles unha tradición cultural e unha estética determinada. 

Pero a Ribeira Sacra debe o seu nome ao asentamento nas beiras das augas de importantes cenobios que foron berce da cultura e da espiritualidade dun tempo e que hoxe son os tesouros en pedra desta terra. Exemplos colosais da arquitectura relixiosa son os conventos de Santa Cristina de Ribas de Sil en Parada de Sil, , Santa María en Montederramo, San Pedro de Rocas en Esgos, Santa María de Xunqueira de Espadanedo e Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.

Espazos naturais

Desde o chamado Balcón de Madrid ou desde o miradoiro situado entre Vilouxe e Caxide podemos albiscar o abismo desde a máxima altura do Canón do Sil. Son varias as rutas de catamaráns que permiten navegar polas augas dos dous cursos fluviais do Miño e do Sil, dando a oportunidade de coñecer a Ribeira Sacra desde un punto de vista máis espectacular. Os seus viñedos colgados das montañas ao lado da solaina e a fondura que consegue o canón introducen ao viaxeiro de cheo na sensación de aventura e na consciencia de estar nun lugar privilexiado.

O Canón do Sil é Lugar de Importancia Comunitaria, así como o Bidueiral de Montederramo.

Festas e gastronomía

A Ribeira Sacra é tamén o nome da Denominación de Orixe dos seus afamados viños, cuxa produción iniciaron no seu día as comunidades monásticas que se asentaron nas marxes dos cursos fluviais. O Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda e a Festa da Bica en A Pobra de Trives teñen a  declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia o Mostras dos costumes tradicionais dunha zona que foron pasando de pais a fillos e que chegan aos nosos días tamén co perfil de reclamo turístico.

Ademais do cultivo da vide e do aceite, outros traballos tradicionais consérvanse aínda na zona e son moi apreciados polos visitantes, tal é o caso das olarías de Niñodaguia, que se fan con arxilas obtidas nestas terras en fornos artesanais que son xa hoxe pequenas reliquias cargadas de identidade.

 

 

 

 

Vista general naturaleza
sponsors