Destino turístico Celanova-Terra do Xurés | Turismo de Ourense
Os concellos que integran este xeodestino son: Bande, Barbadás, A Bola, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, A Merca, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea.
Celanova é terra de poetas como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro, sen dúbida inspirados pola beleza da contorna. A Praza Maior de Celanova está presidida polo maxestoso mosteiro de San Salvador, unha das xoias do barroco en Galicia. Nos arredores, o castro de Castromao e Vilanova dos Infantes, vila medieval con casas señoriais arredor dunha antiga torre. Cara ao sur destacan os restos do campamento romano de Aquis Querquennis en Bande.
Patrimonio
O xa citado convento de San Salvador de Celanova mostra a particularidade de que no seu recinto encerra un minúsculo templo posto baixo a advocación de San Miguel e que se encadra na arte prerrománica. Como prerrománica tamén é Santa Comba de Bande do século VII cun pórtico do XVII.
Hai que citar polo menos tres fortificacións: o castelo dos Araúxo, en Lobios, do que só quedan uns restos, pero nun lugar que domina unha panorámica espectacular; a torre de Vilanova, en Celanova, que chegou a acoller incluso as oficinas do concello; e o inaccesible castelo de Sande (no termo municipal de Cartelle). En Loiro (Barbadás) unha igrexa románica cunha cornixa adornada con figuras. En Entrimo, a igrexa de Santa María a Real, do século XVII, cunha fachada principal de estilo barroco churrigueresco. Nun enclave privilexiado no municipio de Lobios agárdanos a capela de Nosa Señora do Xurés.
Da época dos romanos, á parte dos restos en Bande, podemos ver os baños romanos de Riocaldo en Lobios. E da época megalítica, os dolmens de Maus de Salas en Muíños. Dentro da arquitectura popular destaca o conxunto de hórreos da Merca.
Museos de distintos tipos podemos desfrutar neste xeodestino: desde a Casa dos Poetas en Celanova (na casa natal de Curros Enríquez) ata o Museo numismático en Lobios pasando polo Museo de Iconas en Bande.
Espazos naturais
É fácil deducir que predominan as paisaxes espectaculares nunha natureza pura, que o home domesticou, pero non transformou nada máis que nas partes baixas. Aí está para o confirmar o cada vez máis visitado Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, que abrangue os municipios de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado e Verea. Xunto co territorio luso do Parque Nacional da Peneda-Gerês, forma a Reserva da Biosfera Transfronteiriza "Gerês-Xurés" que está formada por seis concellos galegos e outros cinco portugueses.
O propio Parque Natural dá nome ao Centro BTT Serra do Xurés, que ofrece un total de nove rutas, entre os municipios de Muíños e Lobios, sumando máis de 200 quilómetros sinalizados. Á parte do Centro BTT tamén se pode realizar un itinerario en BTT de dous días seguindo a Travesía Serra do Xurés.
Festas e gastronomía
Unha festa de carácter etnográfico chamada Raigame ten lugar desde hai anos na pequena e reconstruída aldea de Vilanova, antano a máis importante de Celanova. Ese día, sempre o 17 de maio (coincidindo pois co Día das Letras Galegas), danse cita alí non só polbeiras e charangas, senón e sobre todo moitos artesás chegados de toda Galicia.
En Bande a Festa do Peixe, a primeira fin de semana de xuño, cun concurso de pesca. E a tamén gastronómica e orixinal Festa das sopas de burro canso no lugar de Mugueimes (Muíños)