Os concellos que integran o xeodestino son: A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso.
Verín, Laza e Viana do Bolo son famosas polas súas delirantes festas de Entroido, quizá os carnavais máis antigos e exóticos de España. Personaxes únicos como o "Cigarrón", o “Peliqueiro” ou o "Boteiro" converten as rúas nunha explosión de vida e cor en torno a un cerimonial máxico.
Verín está situada nun fértil val regado polas augas do río Támega e coroado polo castelo de Monterrei, o máis grande de Galicia e próximo á fronteira con Portugal. Esta é terra de augas curativas, xa que aquí se dá a maior concentración de augas mineromedicinais de Galicia: Sousas, Fontenova, Cabreiroá, Caldeliñas, Requeixo...
Verín é tamén a terra da D.O. Monterrei, que produce algúns dos viños máis modernos de Galicia. Os caldos de Monterrei xa eran coñecidos na Idade Media e incluso chegaron a América da man do quinto Conde de Monterrei, que foi Vicerrei das Indias.
Patrimonio
Neste xeodestino mandan tres elementos. Un é a natureza. Outro é o Camiño de Santiago. E o terceiro é a cidade amurallada de Monterrei. Esta última ten Verín aos seus pés. Monterrei é sen dúbida o mellor exemplo de fortificación de todo o noroeste peninsular que inclúe poboación fóra da militar. Aí foi emprazada a primeira imprenta de Galicia e de aí saíu o primeiro libro feito no país aplicando o invento de Gutenberg. Un ambicioso plan de recuperación permitiralle converterse nos próximos anos nunha referencia para España enteira. Dentro do seu recinto hai un albergue para peregrinos de longa historia e que foi recuperado acabando o século XX.
Porque, en efecto, por aquí pasa o Camiño de Santiago, chamado Camiño do Sueste-Vía da Prata. Entra en Galicia xusto polo concello da Mezquita con vinte inesquecibles quilómetros, para dividirse na Gudiña. Aí hai que elixir norte ou sur. Quen opte polo primeiro percorrerá o Camiño Vello. Isto é, o camiño que seguían os galegos que ían á sega en Castela e que inmortalizou Rosalía de Castro nos seus versos. Quen opte polo segundo descenderá ata a chaira onde se atopan Verín e Monterrei para logo subir o espectacular alto de Cualedro e baixar de novo. Unha rama e outra do Camiño xacobeo vólvense a unir pouco antes da capital da provincia.
Espazos naturais
Dicir aquí natureza equivale a dicir montaña. Toda a fronteira con Portugal e Zamora defínena altos cumes, formando os espazos de Pena Trevinca e Pena Maseira excepto por onde se abre paso o río Támega (todos estes espazos dentro da Rede Natura 2000) nun sentido de norte a sur e que entra en Portugal tras dar forma e vida a un estirado e ancho val. Hai que destacar tamén entre os espazos naturais o Parque do Invernadeiro, inscrito no municipio de Vilariño de Conso e dentro do espazo do Macizo Central.
No Parque Natural do Invernadeiro non existen asentamentos humanos, todo é natureza. Integramente comprendido neste xeodestino, as vellas montañas galaicas que rodean ao parque superan os mil cincocentos metros de altitude. Son as serras propicias para acoller gran parte da vida salvaxe representada principalmente polo lobo e as súas presas corzo e xabaril. A sucesión de profundos vales e redondos cumes é froito do glaciarismo que modelou estas alturas no pasado máis remoto. Deste xeito, desde os cumes da serra é posible observar un sorprendente circo glaciar e a impresionante caída de varias fervenzas desde o alto dos barrancos.
Os viñedos con Denominación de Orixe Monterrei esténdense por algunhas das terras deste xeodestino e a conxunción de chans e climas peculiares xunto coa tradición vitivinícola herdada de xeración en xeración, permite extraer das vellas variedades uns caldos con personalidade inimitable.
Festas e gastronomía
Cando chega o Entroido toda Galicia está de festa pero, quizais, máis na provincia de Ourense que noutros sitios. Ademais, dentro desa provincia hai tres localidades que destacan e dúas delas atópanse neste xeodestino. Unha é Verín, a outra, Laza. Tanto o descenso nocturno desde Monterrei o Xoves de Comadres no primeiro caso (as mulleres copan a totalidade dos restaurantes locais), como a baixada da Morena no segundo, reúnen a milleiros de persoas. En Laza, ademais, hai o costume de botar encima da xente formigas rabiosas xunto con fariña, algo que todo o mundo acepta, polas malas ou polas boas.
E no capítulo de festexos debe figurar a Feira do Viño de Monterrei, de non longa tradición porque a denominación de orixe é relativamente nova, pero que se afianza ano tras ano e converte a Verín nun punto de encontro.
O Entroido de Verín conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Son entroidos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia o Entroido de Laza, a Festa da Androlla e do Entroido de Viana do Bolo e o Entroido de Vilariño de Conso. Ademais, na zona consegue gran repercusión a Festa do Pemento de Oímbra, así como a Xuntanza internacional de gaiteiros de Monterrei. Todas elas contan coa declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.
O concello de Riós, montañoso e cruzado polo Camiño de Santiago, ten cada día máis fama en toda Galicia por un produto que recibiu o respaldo de Europa, que apoiou a creación dunha ruta específica: a humilde pero cada vez máis considerada castaña, que sufriu un baixón de aprecio no imaxinario colectivo do século XX pero que se está a recuperar desde fai décadas. A Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.